luns, 16 de febreiro de 2015

Esténdese unha praga de camelias asesinas en varias zonas de Cacheiras

Camelias asasinas na Travesía de Cacheiras

Varios veciños da parroquia están consternados por este tipo de flora que está a invadir Teo

Unha das camelias, a piques de atacar a un transeúnte
As autoridades teenses veñen de informar dunha praga de camelias que está afectando a varias plantas da zona da Travesía de Cacheiras. Membros da Policía Local de Teo e Protección Civil teñen constancia das queixas de varios veciños que denunciaron o maltrato que están a ter as camelias desta zona con eles.

"O peor é que están ahí no chan, tiradiñas,
que parece que non che van facer nada, 
ata que apareces tirado na cuneta"

Varios membros da oposición esixen responsabilidades ao goberno, xa que esta plaga de camelias manifesta a súa perigosidade no xeito en que as camelias botan as súas flores ao chan, esperando a que calquera transeúnte as pise e se esnafre na estrada.

Varias flores dunha camelia durante o Entroido de Cacheiras, esperando a que alguén as pisase para cobrarse unha nova vítima
Por outra banda, Flora Intestinal, representante do colectivo de Camelias de Teo, ameazou con que estas plantas seguirán a tirar as súas flores ao chan "até que a alguén se lle dea por limpalas". Ademais, sinalou a perigosidade dos treitos nos que as camelias están a levar a cabo a súa protesta, xa que están situadas nalgunhas beirarrúas de moito tránsito, como son as de diante do Centro de Saúde de Cacheiras.